Tuesday 14 de May de 2024

Presentada a candidatura de Alternativa no Concello de Carral


O candidato de Alternativa dos Veciños á alcaldía de Carral e actual alcalde, Javier Gestal, presentou ás persoas que o acompañarán na lista electoral para as próximas eleccións municipais nun acto celebrado no edificio social Toñito Espiñeira ante unhas 200 persoas que desbordaron a capacidade do local. Susana Guimarey, Francisco Bello, Javier Lendoiro, Mercedes Caridad e Inma Mantiñán ocupan os seguintes postos na lista electoral.

Javier Gestal insistiu na necesidade de acadar unha maioría absoluta nas próximas eleccións que permita gobernar coa garantía e serenidade de poder levar adiante os proxectos que necesita o municipio. “Urxe a construción dunha nova depuradora de augas residuais e a creación de redes de sumidoiros nas distintas parroquias, é necesario mellorar a seguridade peonil con sendas e beirarrúas, tamén resulta determinante aprobar definitivamente o Plan Xeral de urbanismo, así como buscar unha solución ás decenas de pisos que están paralizados en mans da SAREB no centro da vila, que deberíanse dedicar a vivendas de protección pública”, dixo Gestal.

Abriu o acto a número 2 da candidatura e actual concelleira de Economía, Réxime Interior e Recursos Humanos, Susana Guimarey, e pechouno o presidente de Alternativa, Ángel García Seoane, ambos destacaron capacidade de xestión, a valía e o compromiso co seu pobo de Javier Gestal e de todas as persoas que integran a lista electoral. “Alternativa dos Veciños colleu un Concello arruinado polo Partido Popular, e cun traballo moi serio está logrando reverter por completo a situación, dotando ao municipio de moitísimas melloras palpables en todos os ámbitos”, dixo García Seoane.

A lista electoral de Alternativa dos Veciños no Concello de Carral está formada por:
1. Francisco Javier Gestal Pose
2. Susana Guimarey García
3. Francisco Javier Bello Hermida
4. Javier Lendoiro Santos
5. María Mercedes Caridad López
6. Inmaculada Mantiñán Ínsua
7. Natalia Patiño Cañas
8. Rocío Rabuñal Bouzas
9. Marcos Daniel García Ares
10. Antón Darío González Eirís
11. Nerea Álvarez Pérez
12. Ana Belén Remuiñán Manteiga
13. José Carlos Brandon Fuentes

Suplentes:
1. Carla Seoane López
2. José Manuel Botana García
3. María Carmen Martínez Fragoso
4. Miguel Pérez Gestal